O ordenador galego
Roberto G. Valerio. Siniestro Total deu o salto ao mundo das multinacionais logo de ter acadado o disco de ouro co traballo “En beneficio de todos” (1990). A nova aventura levounos ata Memphis, onde gravaron co produtor Joe Hardy por primeira vez no “Made in Japan” (1993). A partires daquí, Joe pasou a ser un novo membro na banda viguesa. Co Atlántico polo medio, é doado atopar certa diferenza entre as costumes estadounidenses e galegas. Por exemplo, eles non se poñen a falar todos á vez cando están en grupo… pero nós si. O problema é que eles teñen da súa parte a tecnoloxía e iso dá moito poder.

Durante unha sesión de gravación, debatiuse a opción de incluir ou non unha pista de guitarra nunha canción. Cando Hardy lanzou a pregunta, os de Siniestro comezaron a montar ese balbordo made in Galiza de “porque si, porque non, porque tal e porque cual”. Na desesperación do produtor por non atopar certa orde á hora de clarexar a cuestión, colleu a Julián Hernández por banda e buscou a resposta… vai ou non vai? Julián contestoulle cunha frase moi daquí: “pode que si e pode que non”. Joe Hardy aí fixo valer o papel hexemónico da tecnoloxía ianqui. Sinalou para o ordenador e dixo: “este aparello funciona por bits, con 0 e 1, que son SI ou NON. O día que fagan un ordenador galego, se cadra, poderemos incluir un QUIZÁ pero polo dagora hai que decidir”.
O mercado virtual
Xa non queda nada para que Blusens presente a Cornelius… ou, case mellor dito, o MP4 Blusens 1960. E é que a mercadotecnia musical tenche estas cousas! Ata o nome do grupo mudou para se adaptar ao novo invento da casa de electrodomésticos: agora son Cornelius 1960.

Xa hai varios meses desque Blusens anunciou a fichaxe destes vilagarciáns para o seu selo discográfico… perdón, discográfico non será porque vender discos non vende. E é que Blusens Music prefire vender MP4 antes que distribuír música, diso que non quede dúbida algunha. Iso si, facendo alarde de medios como non podía ser doutro xeito se falamos dunha multinacional. Que precisamos un produtor, pois cóllese a Mick Glossop (ex-produtor de Frank Zappa ou Van Morrison, entre outros); que hai que elixir a un inxeñeiro de masterización, pois contrátase a Tatsuya Stao (que traballou con Madonna ou Amy Winehouse). Onde hai cartos…
Quero deixar ben claro que este post non é un ataque a ningún dos grupos que vou nomear. Simplemente é unha crítica a un novo modelo de negocio musical que, coido, volta a encher os petos dalgúns poucos deixando de lado o que sería unha nova infraestrutura sostíbel e xusta para a distribución de música vía Internet (xusto no intre no que isto comeza a nacer e cando se podería encauzar o camiño).
Cando se fala de grupos vencellados a soportes dixitais móbiles, eu polo dagora tremo. Que o mercado discográfico ten que variar é unha realidade, pero a monopolización da distribución que polo dagora esgrimiron os xigantes tecnolóxicos semella unha fábrica de cadáveres… iso si, ben envasadiños para que non cheire a morto antes de tempo.
Se cadra trabúcome porque, polo dagora, non conseguín unha bola de cristal que sintonice ben co futuro e os pousos de café non queren falar comigo… pero haiche cada invento! Por exemplo, o famoso disco de ouro dixital (que eu prefiro chamar virtual): 10.000 descargas de pago que poden ser dunha soa canción. Non creo que iso cre grupos de culto, a verdade. Porque unha cousa é que a xente pague un euro no i-Tunes por conseguir unha canción determinada e outra ben diferente é crear parroquia ao teu redor. Unha cousa é tocar nas grandes macro-ostias cun caché hinchado de fedor e outra é que a xente teña algún interese por ver a ese grupo que se utiliza como rechea-cartaz. Iso si… bandas así non se perden ningún deses grandes festivais (como máximo, nun par de veráns), aínda que só falte que os poñan a tocar enriba dun caldeiro de auga ao carón dunha diana e que repartan pelotas entre o público para que probe a súa puntería e se poida rir vendo caer aos grandes músicos no líquido elemento. Máis cedo que tarde, ese caché hinchado desinflarase coma un globo (non sen antes facer un son de pedorreta).
A liña entre a música e a insensíbel fábrica de cartos é moi fina para estes grupos. Quen se vai lembrar nun lustro do grupo que tocaba “aquela canción”? Sobre todo, cando esa canción non soou máis aló duns cascos conectados a un i-Phone. Disque hai que dicir o pecado pero non o pecador… vale, saltareime esta máxima: aínda non entrei en ningún local de noite no que pincharan un mísero tema de Ragdog… e son disco de ouro! (virtual, vaia!). Aínda que poñan música á Fórmula 1 de La Sexta, leven o nome de movistar ao lombo e tiveran o apadriñamento de Alejandro Sanz, non semella que haxa un lugar real na música para eles. Desde logo que non se lles pode negar ser un grupo do século XXI, máis que nada, pola súa natureza virtual.
A diferencia que marca que un grupo salte á palestra dixital da man do Tío Gilito… pois non teño nin idea de onde estará. Doume unha volta polos myspace dos grupos galegos e todo perde senso. Seguindo cos devanditos exemplos, a día de hoxe, Cornelius conta con case 109.000 escoitas e Ragdog ten perto de 188.000. Pero é que outra xente coma The Blows xa están nas case 317.000 escoitas, Sem Resposta rolda as 133.000… e estes dous grupos están en independentes, son distribuídos en formato CD e, aínda así, teñen unha grande introdución na Internet como amosan as cifras expostas.
Dende aquí, toda a sorte do mundo para Cornelius e Ragdog e un especial recoñecemento a The Blows e a Sem Resposta.
Por unha fe democrática e rockeira
Roberto G. Valerio. Que alguén me perdoe se o que vou dicir nestas liñas lle amola, pero a Deus gústalle o rock galego. Seguramente esta afirmación caerá mal entre certos guitarreiros e entre outros crintes de fe pero, se existe, Deus é un rockeiro.
Non é que o diga polas guedellas hippies de Cristo, nin porque exista o chamado rock cristiá ou porque sexa protagonista de moitas cancións para ben ou para mal… nin se quera porque tornara a auga en viño. As razóns son outras.

A Igrexa tachou en varias ocasións ao rock de música do demo… se Deus voltase a escorrentar aos mercaderes do seu templo, botaría a latigazos a todos os infieis que sosteñen tal afirmación (“Deus é amor” pero tamén ten moi mala ostia). Se teño que falar de Deus direi que a Biblia é un fraude, que as películas mil veces repetidas na semana santa están enganadas… a representación máis fidedigna de Deus fíxoa o festicultor Xurxo Seara nos últimos programas de Komunikando TV: namorado do rock galego, facendo as beiras ás mozas e cun punto violento.
A primeira vez que puiden aporrear unha batería foi en santo chan. Alá polo 89, petei na porta dunhas adoradoras de Don Bosco atraído polos tambores celestiais. Dende logo que non era o primeiro en escoitar a “chamada” e alí atopei un grupo de rock (UCI, coido que se chamaban), incluso asistín a un dos seus concertos nese lugar. Eu mesmo ía unha vez por semana a fozar naquela batería… “grazas Deus polos alimentos que imos tomar”. A cousa rematou mal porque unha cousa é Deus e outra ben distina a Igrexa. Aquelas monxas dende logo que non aturaban nin o rock nin a nosa actitude, así que botáronos a patadas. Pero a milagre xa estaba feita porque Deus é un rockeiro. Así comecei a miña andaina polos camiños inescrutábeis do rock.
Se conto isto é para evidenciar que a palabra… perdón, a música de Deus é para todos (Deus é un rockeiro pero me consta que tamén é mudo). Eu son unha simple miñoca pero o seu poder é democrático e tamén chegou até min, “por unha fe democrática e rockeira”. Mais esa misión divina tamén deu froitos importantes para a nosa historia musical.
Xa falei nalgunha entrada anterior sobre Generación 49 e, sobre todo, de Xoan Piñón. E, aínda que sei que en Vigo houbo unha historia rock nos 60, eu non teño noticia doutro grupo que unira a identidade galega coa guitarra eléctrica antes ca eles, pois estamos a falar do ano 68. Xoan Piñón fixo o seu primeiro dúo eléctrico no colexio relixioso Os Maristas de A Coruña xunto a Antonio Meana. Alá polo 66/67, aos seus trece ou catorce anos, estaban tocando en misas e actos relixiosos acompañando ao crego do órgano coas súas guitarras eléctricas. Seguro que foi unha manipulación por parte daquel crego para se adaptar á modernidade dos 60… volto a repetir que a Igrexa ten pouco que ver con Deus, pero a milagre tamén quedou feita con aqueles rapaces que seguirían facendo rock (Deus é mudo pero non xordo).
Repetirei aínda unha terceira vez que a Igrexa pouco ten que ver con Deus. E cando o rock nace como repulsa á represión dos cregos, ese rock é máis divino se cadra. Polo 77, no colexio rexioso San Narciso de los Padres Paúles de Marín, estaba internado un fato de rapaces. Entre labazada e labazada por mirar ás rapazas ou por tentar escapar do internado, montaron un dos primeiros grupos punk de Galiza (se non o primeiro): Bismuto. No santo chan usurpado polos cregos, voltaba a nacer rock… e é que Deus quería escoitar rock.
Outro episodio fundamental na nosa historia musical aconteceu a finais dos 70. Desembarcou o grupo madrileño Cucharada noutro colexio relixioso. Esta vez sería no salón de actos dos Capuchinos de Vigo. Foi un concerto revelación onde atoparían a luz moitos dos músicos que logo protagonizarían o rock dos 80. Entre eles, xente de Siniestro Total quen debutaría tamén nun entorno nóstico coma o colexio Salesianos de Vigo no ano 81, nun concerto organizado por Antón Reixa e Bibiano Morón. Por certo, este último comezara a súa andaina musical cantando salmos a Deus en misas solemnes e pontificias ata os seus quince anos. Logo do seu periplo como cantautor en Voces Ceibes, no 80 formaría unha das primeiras bandas de rock da cidade olívica na onda da movida: Trenvigo, xunto con Teo Cardalda.
Nacía a movida de Vigo e a radio local por onde se movían as maquetas era Radio Popular, como non, relixiosa (COPE). Xurdiron os grupos dos 90 e o relevo tomouno o programa A Kanteira de Radio ECCA de Vigo (radio xesuíta)… Se cadra, neste século XXI, as badaladas de Nietzche tocan un requiem e Deus xa estea morto.
Cuestión de bandullo
Roberto G. Valerio. Coincidindo co remate do que se chamou “movida de Vigo”, aconteceu que o ex -alcalde desta cidade (Manuel Soto) e o presidente da comunidade de Madrid (Joaquín Leguina) montaron un teatrillo coa finalidade de apropiárense daquelo que levaba acontecendo durante máis dun lustro nas súas cidades. Pouco ou nada tiveran que ver os respectivos consistorios cun estourido xeracional que mudaría as formas e o fondo da actividade cultural no Estado. Aínda así, aqueles pesoístas tentaron á desesperada que a xente vencellara o feito cunha actividade política, nun claro propósito de procurar os devecidos réditos electorais.
Así naceu a campaña “Madrid se escribe con V de Vigo” que consistiu basicamente nunha pegada de cartaces xigantesca na capital do Imperio; un tren Madrid-Vigo con coche-bar a pleno rendimento para os músicos, pintores e demais que ían nel (onde Leguina e Soto tamén celebraron o pifostio montado) e unha ruta etílico-turística de fin de semana pola cidade olívica. Todo iso engalanado con exposicións e un macroconcerto onde os artistas amosaban as súas xa alcoholizadas mañas.

Como dixen nun principio, todo respostaba a unha estratexia sociopolítica onde poder trocar divertimento por votos. O que realmente importaba era esa parafernalia envolvente e non a programación cultural, que simplemente servía como escusa para a organización do evento. En definitiva, unha campaña publicitaria das cidades e a tentativa de consagración de dous políticos que lles fora moi ben coa chamada xeración da litrona e do canuto. Se non foi así, entón teríamos que dar a razón a aquela oposición rancia de Alianza Popular que puxera o berro no ceo pola ineficiencia dun concello que caera no despilfarro para dar de beber ata a saciedade a unha panda de perdidiños (pero… nos seus postulados tan católicos non estaba iso de dar de beber ao sediento?).
Como explica Julián Hernández no documental “Periféricos”, aquela iniciativa fixo que Vigo saíra ata na sopa e, realmente, foi máis barato e efectivo que poñer anuncios na televisión… a misión publicitaria estaba cumplida. No que si fallaron foi en pensar que a xente lles avalaría despois electoralmente, que non saberían distinguir o que era o dereito a unha programación sociocultural dun chisque de ollo feito por un alcalde con afán de protagonismo. Ao non haber réditos electorais, non houbo máis movida e menos aínda irmanamento entre as respectivas de Madrid e Vigo (aínda que, realmente, non había maiores diferenzas entre unha e outra). A proba está en que, se ben nun principio tiñan pensado un partido de volta na casa do oso e do madroño, finalmente o tren descarrilou definitivamente ás beiras do Atlántico.
Deixando atrás o apunte político-municipal, falarei de dúas anécdotas acontecidas naquel engrello de glamour popularizante. Seguramente, a máis coñecida é a taza de café que voou no xantar de artistas que se fixera no parque de Castrelos. Unha rapaza sufriu na súa testa a cólera dun McNamara trasnoitado cunha embriaguez de varios días atrás. Moitas voces apuntaron a que a incapacidade de mercar heroína fixo que o showman madrileño perdese os nervos e se lle dera por facer aquel desaguisado… pero, se cadra, a historia non foi tan épica. Aquela taza non era unha bala perdida ao vento, tiña como diana a faciana de Manuel Soto. Para sorte do alcalde, a traxectoria do proxectil veuse interrumpida polo infortunio dunha moza que se interpuxo no seu camiño. E digo eu… despois de tres días de festa institucional e tendo a escasos metros a un político enchido de fachenda por algo totalmente alleo a el, por que ten que haber unha razón tan burda como a heroína para explicar o acontecido? A min paréceme máis unha causa-efecto que, de seguro, pasoulle polo maxín a máis dun naquel xantar (quen estea libre de pecado, que tire a primeira pedra… ou a primeira taza).
A segunda historia a contar nestas liñas ten que ver cun showman da casa, Antón Reixa. Os Resentidos non foran convidados á orxía político-festiva, pero si se contratou unha sátira de “El Barbero de Sevilla” que levaba o carismático artista multimedia. A obra de teatro chamábase “After Shave” e remataba con Reixa vestido de toureiro e cunha inundación de escuma (a modo de escuma de barbear) a cargo dos bombeiros. Acorde cos excesos da época, non deberon medir ben a cantidade do fluído porque chegaron a inundar as primeiras ringleiras do público, pero o caso é que Antón Reixa tiña que saír escopetado cara a Catalunya para actuar cos Resentidos e tiña un taxista agardando por el nas portas do auditorio para levalo ao aeroporto de Lavacolla. A faciana daquel pobre home cando veu entrar a un tipo vestido de toureiro e enxoito en escuma debeu ser un poema… se cadra un shock, porque comezou a falar co seu vehículo pregándolle que fora máis e máis rápido.
Logo do avión, Os Resentidos tiveron a actuación máis multitudinaria da súa historia: nas festas da Merced en Barcelona diante de máis de 160.000 persoas, onde acadaron unhas críticas espectaculares nos xornais do día seguinte. Á fin e ao cabo, se de organizar eventos se trata, os galegos sempre fumos máis enxebres, de beber e comer con café (en taza, abofé) e copa na sobremesa. As macro-ostias cheiran máis a cocido madrileño e butifarra catalana.
Atentado con Goma 2 nunha nave industrial de Portonovo
Roberto G. Valerio. Fágovos unha pregunta: cando se data o primeiro grupo de Rock Bravú? Moito/as diredes que a mediados dos noventa, a principios da mesma década ou incluso a finais dos oitenta (se é que nos poñemos a contar dende o nacemento dos grupos bandeira do “movemento”: Os Diplomáticos de Monte-Alto e Rastreros).
Para contestar esta pregunta deberíamos definir primeiro que é iso do Rock Bravú. Non me vou poñer a contar todo o que rodeou á inauguración desta etiqueta, xa que se escribiron ríos de tinta sobre o tema e incluso eu mesmo fixen unha reportaxe que podedes atopar no nº13 do Kalaikia (suplemeto cultural da cabeceira A Peneira). Só resumirei os seus trazos clave: rock cantado en galego, co seu epicentro no rural e cun achegamento á nosa música tradicional.
Dato cronolóxico: o Rock Bravú foi acuñado en novembro do 94 co xa sonado Manifesto de Viana… case vinte anos após do seu verdadeiro nacemento en fondo e forma. Porque os inventores do bravú, tal e como reivindicou o propio Xurxo Souto (ideólogo bravú), foi un grupo de Portonovo chamado Goma 2. Formación que gravou o primeiro disco de rock cantado en galego no 78 (aínda que por pouco, xa que uns meses despois editaríase o LP de N.H.U.) e que rexistrou por primeira vez unha gaita en clave de rock. Entre os seus concertos máis sonados están os dous que fixeron xunto a Triana e outro con Miguel Rios. Pero antes de chegar aos palcos e ao estudo de gravación, dende logo que hai un proceso de ensaio.

Hai que ser ben teimudo para ter un grupo, teimudo ata dicir basta, teimudo con denominación de orixe… abandoar o rego da adolescencia para pecharse nun local de ensaio, renunciar á túa primeira moto para mercar un instrumento, deixar de saír polas noites para pagar os ensaios, vender os teus enseres para gravar a primeira maqueta, perder cartos para ter os primeiros concertos… hai que ser ben teimudo! Os de Goma 2 non eran menos e para ensaiar facían caixas de peixe nunha nave industrial de Portonovo (xusto onde ensaiaban), a dúas pesetas por unidade… barato, barato! Imaxinade o que lles custou mercar a súa primeira batería, que valeu 25.000 ptas. Unha nova dimensión de explotación cultural.
Bravús en forma e fondo, sen dúbida. Dende alí estourou a Goma 2 con cheirume a peixe para logo seren coñecidos polo seu “Rock do Galiñeiro”… grupo armado da nosa economía agropecuaria a forza de guitarra eléctrica.
Pero ser tan explosivo, ás veces, curta a onda expansiva. Recén editado o disco, tiveron a oportunidade de saíren no programa televisivo “Aplauso” e foron desbotados porque o seu nome poderíase interpretar como apoloxía do terrorismo.
A guitarra de xoguete
Roberto G. Valerio. A década do seat 600 pode ficar lonxe na nosa memoria, pero hoxe quero rebobinar ata o 1966 para contar esta historia.
Permitídeme que vos fale de Xoan Piñón, un médico reconvertido a fotógrafo pero músico de cabo a rabo. Seguramente a moito/as xa vos soará por ser un dos integrantes do grupo folk DOA, pero boa parte da historia rock neste país vai vencellada ao seu nome (Generación 49, N.H.U., Meteoro…).
Xoanciño era un rapaz que ficara envelenado de música desque un curmán seu, lutier e monfortino, agasallouno cun laúde. Estudaba no colexio Maristas de A Coruña e correu a se inserir na rondalla que tiñan os irmáns relixiosos. Namentres tocaba as pezas típicas dunha agrupación desas características, el debecía por rematar o ensaio para quedar un tempiño máis cuns rapaces mordidos tamén por esa semicorchea contaxiosa. Aquela que che leva ao rego do diaño e, na vez de dar salves a Deus, te excomulga baixo un “This is my generation”. Alí soaban cancións dos Rolling, Beatles… pero Xoanciño aínda non podía acougar. Como berrar á nova xeración dende o seu laúde? Non, non… imposíbel!

Xoanciño só tiña quince anos pero o seu maxín corría máis que o tempo. O seguinte paso… Papá, quero ter unha guitarra eléctrica. Non pedía nada!! Unha guitarra eléctrica nunha cidade de provincias dos anos 60!! Onde atoparía ese trebello que tanto lle quitaba o sono? Os soños son imaxinación, a imaxinación é un xogo e os xogos adoitan ter xoguetes.
Camiñou pola rúa Real e alí, nun deses escaparates, víu unha guitarra Hofner eléctrica. Alzou os seus ollos acristalados de emoción e víu o letreiro de “Xoguetaría”… manda truco!! Os soños son imaxinación, a imaxinación é un xogo e moitos deses xogos están nunha xoguetaría.
-
Arquivos
- Xuño 2009 (2)
- Maio 2009 (2)
- Marzo 2009 (3)
-
Categorías
-
RSS
RSS Entradas
RSS Comentarios
