Rock galego

Outra perspectiva para o rock feito en Galiza

O mercado virtual

Xa non queda nada para que Blusens presente a Cornelius… ou, case mellor dito, o MP4 Blusens 1960. E é que a mercadotecnia musical tenche estas cousas! Ata o nome do grupo mudou para se adaptar ao novo invento da casa de electrodomésticos: agora son Cornelius 1960.

Cornelius_promo
Xa hai varios meses desque Blusens anunciou a fichaxe destes vilagarciáns para o seu selo discográfico… perdón, discográfico non será porque vender discos non vende. E é que Blusens Music prefire vender MP4 antes que distribuír música, diso que non quede dúbida algunha. Iso si, facendo alarde de medios como non podía ser doutro xeito se falamos dunha multinacional. Que precisamos un produtor, pois cóllese a Mick Glossop (ex-produtor de Frank Zappa ou Van Morrison, entre outros); que hai que elixir a un inxeñeiro de masterización, pois contrátase a Tatsuya Stao (que traballou con Madonna ou Amy Winehouse). Onde hai cartos…
Quero deixar ben claro que este post non é un ataque a ningún dos grupos que vou nomear. Simplemente é unha crítica a un novo modelo de negocio musical que, coido, volta a encher os petos dalgúns poucos deixando de lado o que sería unha nova infraestrutura sostíbel e xusta para a distribución de música vía Internet (xusto no intre no que isto comeza a nacer e cando se podería encauzar o camiño).
Cando se fala de grupos vencellados a soportes dixitais móbiles, eu polo dagora tremo. Que o mercado discográfico ten que variar é unha realidade, pero a monopolización da distribución que polo dagora esgrimiron os xigantes tecnolóxicos semella unha fábrica de cadáveres… iso si, ben envasadiños para que non cheire a morto antes de tempo.
Se cadra trabúcome porque, polo dagora, non conseguín unha bola de cristal que sintonice ben co futuro e os pousos de café non queren falar comigo… pero haiche cada invento! Por exemplo, o famoso disco de ouro dixital (que eu prefiro chamar virtual): 10.000 descargas de pago que poden ser dunha soa canción. Non creo que iso cre grupos de culto, a verdade. Porque unha cousa é que a xente pague un euro no i-Tunes por conseguir unha canción determinada e outra ben diferente é crear parroquia ao teu redor. Unha cousa é tocar nas grandes macro-ostias cun caché hinchado de fedor e outra é que a xente teña algún interese por ver a ese grupo que se utiliza como rechea-cartaz. Iso si… bandas así non se perden ningún deses grandes festivais (como máximo, nun par de veráns), aínda que só falte que os poñan a tocar enriba dun caldeiro de auga ao carón dunha diana e que repartan pelotas entre o público para que probe a súa puntería e se poida rir vendo caer aos grandes músicos no líquido elemento. Máis cedo que tarde, ese caché hinchado desinflarase coma un globo (non sen antes facer un son de pedorreta).


A liña entre a música e a insensíbel fábrica de cartos é moi fina para estes grupos. Quen se vai lembrar nun lustro do grupo que tocaba “aquela canción”? Sobre todo, cando esa canción non soou máis aló duns cascos conectados a un i-Phone. Disque hai que dicir o pecado pero non o pecador… vale, saltareime esta máxima: aínda non entrei en ningún local de noite no que pincharan un mísero tema de Ragdog… e son disco de ouro! (virtual, vaia!). Aínda que poñan música á Fórmula 1 de La Sexta, leven o nome de movistar ao lombo e tiveran o apadriñamento de Alejandro Sanz, non semella que haxa un lugar real na música para eles. Desde logo que non se lles pode negar ser un grupo do século XXI, máis que nada, pola súa natureza virtual.
A diferencia que marca que un grupo salte á palestra dixital da man do Tío Gilito… pois non teño nin idea de onde estará. Doume unha volta polos myspace dos grupos galegos e todo perde senso. Seguindo cos devanditos exemplos, a día de hoxe, Cornelius conta con case 109.000 escoitas e Ragdog ten perto de 188.000. Pero é que outra xente coma The Blows xa están nas case 317.000 escoitas, Sem Resposta rolda as 133.000… e estes dous grupos están en independentes, son distribuídos en formato CD e, aínda así, teñen unha grande introdución na Internet como amosan as cifras expostas.
Dende aquí, toda a sorte do mundo para Cornelius e Ragdog e un especial recoñecemento a The Blows e a Sem Resposta.

Maio 31, 2009 - Posted by | Novos discos | , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,

2 Comentarios »

  1. Ola Roberto,

    Preséntome, son Toni, guitarrista de cornelius. Un grupo orgánico e real, no que os seus compoñentes levamos unha morea de anos facendo estradas e garitos por amor o arte ou mais ven o rock.
    Non quero polemizar nin entrar en debate. Vin o teu artigo “o mercado virtual” e xa que me pareceu unha critica argumentada; escribo isto, para puntualizar certos datos incorrectos respeto a cornelius.

    Uns datos de xustiza:

    O produtor Mick Glosoop, interesouse por Cornelius moito tempo antes de que blusens chamara a nosa porta. De feito, visitou Arousa pa pasar uns días co grupo e coñecernos persoalmente; segundo as súas palabras impresionado po la nosa música. Deixando claro o seu interese persoal e total disposición a traballar co grupo no seguinte disco ( este 1960). Simplemente gustoulle a nosa música. Música que coñeceu gracias a nosa pax. de myspace. Paxina, que antes de saber nós quen era blusens, xa pasaba das 100.000 visitas.
    O nome da banda, non mudou pa adaptarse a blusens. Mudou por historias legais e de rexistro, xa que hai un tipo xaponés chamado cornelius i estar en portales, tendas ou radios co mesmo nome crea loxica confusión, xa nos pasou co primeiro disco. 1960 e o titulo do noso disco e se aproveitou.
    Fixemos un disco, como quixemos e con quen quixemos. Podemos presumir de ser un grupo no que ante todo somos amigos e músicos, no que facemos a música que nos gusta sin concesións, o que nos peta de verdade. Podo presumir de levar toda a vida sen un can pero facendo o que me gusta. Somos xente con criterio e persoalidade, non un invento de marketing, nin unhas marionetas adolescentes.

    Non controlo de mercadotecnia nin das lideiras do negocio, para nos e unha oportunidade digna, un escaparate para poder chegar a mais xente, para seguir traballando e ampliando horizontes… ogallá con moita sorte se nos abra unha porta para poder vivir do noso proxecto.

    No fondo da cuestión non vou a entrar, eu compro discos, me gustan os discos.
    Pero si, dicir que chegados a un punto, tivemos sorte; xa que a empresa que neste momento aposta por Cornelius, o fai respetando o que somos e quen somos, de non ser así seguramente non te estaría a contar isto.

    Un saúdo.

    Toni B. Willisch

    Cornelius

    Comentario por Toni B. Willisch | Xuño 5, 2009 | Resposta

  2. Ola Toni. Agrádame moito que pases por este blog a deixar un comentario. Ante todo, quixera dicir que non quixen dar a sensación de que Cornelius fose un grupo irreal. De feito, sígovos dende o voso anterior disco “Grandes Éxitos”, editado por PAI Musica. Tamén tiven a oportunidade de vos ver en directo un par de veces. O que lle daba tils de irreal era a un tipo de mercado musical que vemos agromar.
    Non creo que sexades marionetas, aínda que si vexo un fondo marketiniano ou produtivo pola banda dunha multinacional que nunca se adicou á música ata agora (baixo un soporte que, dende logo, producen eles). A miña pregunta é: de onde queren sacar os ingresos? Da música ou do seu produto natural? Antes unha discográfica adicabase á música, pero neste tipo de entes o horizonte distorsiónase un chisco máis.
    Dende logo que entendo que iso non é un problema voso, ao igual que entendo que para vós é toda unha oportunidade de cara a unha profesionalización… e che podo asegurar que non desexo o contrario. O único que quería trasladar co meu post era unha reflexión sobor dun novo vieiro de distribución musical que supón, ao meu entender, unha rutura entre o público e os grupos: antes alucinaba cun grupo porque o seu disco era unha pasada (ou viceversa), porén, con esta nova proposta de distribución semella que nacen e morren cunha canción.
    Nunca quixen que o meu post se entendese coma un ataque a ningún grupo (de feito, especifiqueino), pois penso que cada quen debe ser dono das súas decisións (tanto na vida privada coma na pública… e máis nun eido profesional) e eu sempre participo do respecto. De todos os xeitos, si quería facer crítica sobre o enfoque de “novos selos” que son alleos á produción musical.
    Tamén queríache dar as grazas polos datos que aportas sobre Cornelius. Dende aquí, comprométome a escribir un novo post a modo de “Fe de erratas” (pois os comentarios dos blogs están moi agochados e o bo é sempre poñer en primeira plana a información relevante). Non dubido da vosa valía musical nin de que o produtor se interesara por vós persoalmente pero, ademais de Mick Glossop, hai máis persoeiros que traballaron no disco. O que quería trasmitir con ese comentario era que os grandes medios sempre caen do lado dos grandes capitais, cando Internet podería dar unha alternativa de distribución máis igualitaria. Se falamos dun novo espazo onde traballar como son as novas tecnoloxías, eu gustaría dun soporte aberto para dar moitas posibildades a moita xente e non que fique nun monopolio de multinacionais… para iso, non nos tiñamos que mover de onde estabamos.
    O que si paréceme unha incidencia relevante é o tema do cambio de nome. Aínda que é sospeitoso que o nome do disco e do grupo adopte a etiqueta que vai levar o novo MP4 de Blusens, se me comentas que non houbo intromisión pola banda da empresa á hora de escoller o novo nome, pois non se fale máis. Eu non fago este blog para atacar nin despotricar sobre ninguén.
    Reitero o meu agradecemento polo teu comentario e agardo poder falar contigo do tema mediando unhas copas.
    Unha aperta.
    Roberto G. Valerio

    Comentario por robertogval | Xuño 9, 2009 | Resposta


Deixar un comentario